Estudo do solo e reforestación. Unha experiencia de aprendizaxe e compromiso ambiental.
- yolandaprofp
- 13 feb
- 2 Min. de lectura
Actualizado: 20 feb
Na mañá do xoves 13 de febreiro, un grupo de alumnos e alumnas de 4º de ESO e de 1º de CM de atención a persoas en situación de dependencia do IES Félix Muriel participaron nunha acción de restauración ambiental, no marco educativo do Proxecto Terra do Plan Proxecta,
A actividade, de sumo interese ambiental e educativo, foi guiada polo departamento de edafoloxía da USC (Campus de Lugo) dentro do proxecto Laboratorio Ecosocial do Barbanza, no que se integra a Plataforma pola Defensa do Monte, e a Comunidade de Montes de Leiro.
Na primeira hora da xornada ofreceuse unha exposición sobre a relación do solo co ecosistema e coa mitigación da contaminación hidráulica, así como da importancia na implicación en estratexias de afrontamento sostible de aproveitamento do medio natural.
Logo os mozos e mozas participaron na plantación de castiñeiros nunha zona experimental que a Unidade de xestión ambiental e forestal sostible (UXAFORES) está usando como campo de estudo. UXAFORES desenvolveu compostos específicos para este monte da comunidade, no que se plantarán 3000 árbores con aproveitamento de castaña e de madeira. A plantación constituirá unha das maiores extensións de castiñeiros que redundará nunha configuración de ecosistemas de grande valor.
Ao final da mañá houbo espacio para o intercambio de ideas e reflexións sobre a importancia das accións veciñais no coidado e aproveitamento sostible do monte coa Fundación Montescola.
O alumnado de 4º de ESO levou os contidos da aula ao monte, como poden ser a participación social, compromiso co medio e posibilidades laborais no territorio. Pola súa banda, o alumnado de ciclo completou unha investigación que está a facer de xeito transversal en varios módulos sobre a os efectos da contaminación e o cambio climático na saúde das persoas, e no agravamento dos trastornos mentais e físicos.
Pincha na imaxe para ver as fotos e video desta xornada.
Comments